ALEXANDER VÓRTICE
Fue a finales de los años 70 –creo- que nací y me mostré al mundo, o el mundo se mostró a mí, ¿quién sabe?.
En la intención inexplicable de escribir y mostrar las emociones más veraces estas han sido mis obras que han ido viendo la luz a lo largo de estos años:
“Destilería Ocaso”, (año 2004), y tiempo después, “Neurosis Tremens” (año 2005).
Más tarde colaboré en el anuario "Galicia Selecta" (Primer Premio en la categoría de Mejor Publicación del Año otorgado por la Asociación Española de Editoriales de Publicaciones Periódicas, en 2008).
Hoy por hoy, todavía poseo el ansia de expresar con palabras los sentimientos vividos y por vivir.
MATERIAL DE SOÑOS
Prólogo del Poemario
Alexander Vórtice é –xa se sabe- o pseudónimo de Xesús Rodríguez, autor deste “Material de Soños”, mais eu, que coñezo a Alexander Vórtice dende hai xa ben tempo, confeso que aínda hoxe non sei de Xesús senón ao través de Alexander, como ás veces se sabe dun amigo do amigo dun, só por ollo alleo.
Mais como acontece que o nome fai o home, nomen est ominen, cada vez cústame máis distinguir os dous. Cando teño diante a Xesús escoito a voz de Alexander e ao ler os poemas asinados a conta de Alexander séntese a Xesús.
De tal xeito o sobrenome, outro eu, se fixo nel carne e sangue que agora teno posuído, entangarañado polo demo da poesía. Non é este un simple suceso de ventriloquia literaria nin de dobre personalidade poética. É se cadra un caso máis grave, o dun letraferido que dá nova vida á poesía e fai poesía da vida mesma.
Pediume Xesús Rodríguez –ou sería realmente Alexander?- un prólogo a estes poemas e síntome moi honrado ao poder facer de padriño desta nova obra que ve a luz. É clásica a metáfora dos libros coma fillos e con este xa o autor ten acadado o título de pai de familia literaria numerosa. Se ben tamén aquí as comparanzas serían odiosas, este novo libro ocupa un lugar sobranceiro na miña persoal querencia porque aínda sendo o terceiro de nacencia, que non de concepción, vén a ser primoxénito no vinculeiro sinal de identidade da súa expresión en galego, feito que supón para min unha agarimosa e xenerosa resposta do proxenitor aos meus desexos como padriño.
Despois de ter xa editado dous poemas en castelán, “Destilería Ocaso” e “Neurosis Tremens”, ben cumpría esta publicación –o feito de facer pública- da poesía en galego hai longo tempo cultivada polo autor. Cómpre aclarar logo que se ben aínda non tiña publicado antes en galego non é porque non tivese escrito na nosa lingua. Algúns dos poemas de “Material de Soños” xa foron escritos hai máis de nove ou dez anos e, polo demais, os recursos lingüísticos aquí amosados, sen caer no virtuosismo formalista dun neopoeta, sen exhibicionismo lingüístico, mais co dominio da contención e propiedade léxica e mais a traballada e acadada expresión dunha aparente sinxeleza natural, son recursos doados de ver e propios dun poeta feito na nosa lingua.
Corre, ademais, por estes versos moita máis poesía galega ca a aquí composta polo autor. Na realidade, non podería nin existir estas mesmas follas de “Material de Soños” tal como son sen as raiceiras, o tronco e máis as pólas de toda a poesía galega anterior e, por suposto, sen os poemas de Manuel Antonio e o seu mar asolagando paquebotes e mastros, sen a propia vivencia de Rosalía, a quen cita e fagocita con recendo a caravel e follas novas, o maio de Curros, o impactante Boom! nuclear de Celso Emilio Ferreiro ou as formas doces e a lírica mol de Xosé Carlos Caneiro. Nin tampouco serían sen o eco do afastado amor cortés medieval revivido polo autor/escritor Alexander/Xesús. En verdade, a poesía de “Material de Soños” nútrese, como toda obra poética que pretende inserirse dentro dunha tradición literaria, da poesía galega precedente, reutilizada e reinterpretada. En toda historia da cultura hai dacote pegadas de canibalismo creativo, somos o que comemos, tamén na literatura.
Isto quizais se teña dito antes, pero poucas veces cunha demostración tan lograda coma a deste libro.
Alén do valor en por si de cada peza poética solta, o poemario está estructurado en cinco partes cunha orde interna non acumulativa ou casual, senón sumativa e causal, que nos obriga a facer unha lectura cabal das composicións. Hai mesmo unha harmónica sucesión evolutiva nas distintas partes/fases, dende a primeira, “O soño nos ollos”, á quinta, “O soño dentro do soño”, na quee o derradeiro poema, precisamente titulado “Material de Soños” como chave, pecha cunha despedida metaliteraria: “Ti es a miña cantiga final”. Cinco partes como as cinco liñas dun pentagrama nas que Alexander Vórtice escribe –ou copia ao ditado de Xesús Rodríguez?- unha ben composta sinfonía onde todas as notas teñen como dominante a voz lírica do namorado en todas as manifestacións. Hai dende logo máis motivos líricos, o paso fuxidío do tempo, a soidade, a ollada ontolóxica do ser humano ou a propia creación poética, pero é este sentimento do amor o eixo vertebrador deste “Material de Soños”, soños de poeta, e poeta namorado, que nos agasalla cunha lograda obra literaria que compendia toda unha gramática do amor.
Convidan, pois, Xesús e Alexander, a se abeirar aos lindeiros do real e o onírico, ao trasmundo onde a materia se transforma en prácidos soños e os soños cobran vida real, porque a poesía faino todo posíbel e os poemas de “Material de Soños”, como a vida, e os soños, Calderón, vida son.
Prólogo de XOSÉ LUÍS JANEIRO ESPIÑEIRA
Precio: 8€ (Infórmate: palabrasyarandanos@gmail.com)